USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

ACEPTAR
descripcion de imagen

25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

24/11/23

O 25 de novembro é unha das datas máis significativas cando se fala de igualdade. Nesta xornada conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha efeméride que comezou a celebrarse en 1981 para lembrar o asasinato das tres irmás Mirabal, activistas políticas da República Dominicana, tras o que estaba o ditador do país, Rafael Trujillo. Este suceso foi primeiro tomado como referencia polo feminismo latinoamericano e, desde o ano 2000, pola Organización das Nacións Unidas, para centralizar actividades de condena e de sensibilización fronte a violencia de xénero.

Segundo datos recollidos pola mesma ONU, estímase que a nivel global, unha de cada tres mulleres foron obxecto de violencias físicas ou sexuais. En España, no que vai de ano, 51 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou exparella, segundo a información actualizada da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Sen aínda acabar 2023, é xa o peor dato desde 2019. A ONU faise eco do agravamento nos últimos tempos da situación no que se refire á violencia de xénero, froito entre outros factores pola crise da COVID-19.

Precisamente este organismo pon o foco na importancia da prevención. A celebración do 25N serve para centralizar eventos, xornadas, campañas e formacións, que abundan tanto na situación real como nos recursos e que sensibilicen e conciencien, de forma que se contribúa ao avance nesta necesaria tarefa de prevención.

A acción local é esencial no traballo contra a violencia de xénero, posto que son os recursos de proximidade os que teñen unha primeira relación coas vítimas e resultan esenciais nos labores de concienciación. Este 2023, Retnova colabora na campaña do 25N de varios concellos. En Chantada, unha campaña en redes e cartelería busca sensibilizar á poboación e apoderar ás mulleres fronte estas violencias. Burela recolle no seu programa de accións por esta xornada a quinta xuntanza da Mesa local de coordinación institucional contra a violencia de xénero, á que Retnova presta asistencia técnica no desenvolvemento da súa actividade.

A formación é outra das claves no traballo para a prevención das violencias machistas. Nas últimas semanas, Retnova titorizou varias edicións dun curso en materia de violencia de xénero a través da Escola Galega de Administración Pública. Isto súmase a outras accións formativas, como os cursos para profesorado impartidos a través da Plataforma de Teleformación de Galicia-PLATEGA.

O traballo de Retnova en materia de violencia de xénero é moi anterior a este 2023. En pasados 25N realizáronse talleres e obradoiros; campañas de sensibilización a través de stands presenciais, cartelería e merchandising; ou concursos en redes sociais. Pero o traballo de prevención implica que non se debe limitar unicamente á realización de accións puntuais. En Retnova sabémolo e colaboramos na elaboración de protocolos e creación de instrumentos que favorezan a atención a mulleres vítimas e na formación dirixida a todas as idades, posto que en violencia de xénero, o traballo debe realizarse durante todo o ano.

Compartir en

Volver
ReTnova

C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña

www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602