USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

ACEPTAR
descripcion de imagen

Conmemoración do Día internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos

25/09/23

Desde 1999, o 23 de setembro conmemórase en todo o mundo o Día contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos. A data elixida lembra a promulgación da primeira lei contra a prostitución infantil a nivel mundial, a chamada "Lei Palacios", que Arxentina oficializaba ese mesmo día de 1913.

Segundo a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, UNODC, o tráfico de persoas é "o recrutamento, transporte, traslado, recepción ou acollemento de persoas mediante o uso da forza, fraude ou engano, coa intención de explotalas con fins lucrativos". Este problema afecta principalmente a persoas en risco de exclusión social. Unha das súas principais manifestacións é a explotación sexual: a Comisión Europea estima nun 56% a porcentaxe deste tipo de delitos, co que é a forma predominante de violencia dentro da trata de persoas, moi por enriba do tráfico de órganos ou o traballo forzoso.

A data serve para lembrar que o problema da explotación sexual persiste en todo o mundo. No noso país, o Instituto Nacional de Estatística estima en 0,40 por cada 100.000 habitantes o número de vítimas da trata de persoas. Deles, 0,29 corresponden a vítimas de explotación sexual. Cando se vai ao detalle en Galicia, a estatística baixa ata 0,11 persoas por cada 100.000 habitantes. O contrapunto a este dato achégao o Ministerio de Interior co balance de vítimas liberadas das redes de trata de persoas con fins de explotación sexual: 129 persoas en 2022, das que catro eran menores. O número de vítimas rescatadas de situacións de explotación sexual, sen pertencer a redes de trata, foi maior: 435 en 2022, dez delas menores.

En Retnova colaboramos na loita contra esta problemática coa elaboración do Plan galego contra a trata de persoas con fins de explotación sexual 2022-2024 da Xunta de Galicia. O documento inclúe cinco áreas estratéxicas e 11 obxectivos operativos que se implementan a través de 59 medidas. Un esforzo co que reforzar o noso compromiso cos dereitos sociais e a igualdade e co que contribuír á protección das vítimas e á erradicación deste problema.

Compartir en

Volver
ReTnova

C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña

www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602