25/04/24
Hoxe, 25 de abril, celébrase o Día internacional das nenas nas TIC.
O tema central deste ano é o “liderado” co fin de subliñar a necesidade crítica de modelos femininos sólidos nas carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM).
Segundo a UIT (organismo especializado das Nacións Unidas para TIC) aínda que as mulleres están presentes actualmente no 40 % das ocupacións máis cualificadas en todo o mundo, a súa participación en campos relacionados coas TIC segue sendo baixa.
Este escaso nivel de presenza feminina está relacionado cos estereotipos de xénero que marcan e condicionan a elección dos estudos de nenas e nenos e, polo tanto, o seu futuro.
Por iso, en Retnova, traballamos día a día co obxectivo de superar estes condicionantes de xénero a través de diferentes accións in(formativas) dirixidas a toda a comunidade educativa (profesorado, familias e alumnado). Buscamos así favorecer a igualdade e o apoderamento das nenas, presentándolles modelos de referencia que estimulen o seu interese polas STEM e incentiven a súa participación nestas áreas.
Ademais, tamén apostamos polo aproveitamento do talento feminino nos estudos, plans, estratexias e informes que realizamos co obxectivo de mellorar a posición das mulleres no eido científico e tecnolóxico e visibilizando o seu potencial; mostra disto é o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 para o que Retnova prestou asistencia técnica. Este plan inclúe un ámbito específico de actuación dedicado ás mulleres na ciencia e na investigación.
Continuamos co noso firme compromiso de traballo nesta liña para reducir as fendas de xénero neste eido.
Por un futuro máis equitativo nas STEM!
Compartir en
C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña
www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602
© ReTnova 2021