11/09/23
Onte, 10 de setembro, conmemorábase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, co obxectivo de centrar a atención nesta problemática, reducir o estigma asociado a ela e crear conciencia de que o suicidio pode previrse.
O suicidio afecta de maneira global á nosa sociedade: a nivel mundial, segundo datos da Organización Mundial da Saúde, suicídanse cada ano case un millón de persoas, o que equivale a unha persoa cada 40 segundos.
En España, en 2022 o número de suicidios rexistrados foi de 4.097, o que supón un aumento do 2,3 % respecto ao ano anterior, segundo datos provisionais publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Ademais, aumentou o número de suicidios en menores de 20 anos, pasando de 75 no 2021 a 84 no ano 2022.
Concretamente, en Galicia, a saúde mental está rexurdindo entre a poboación nova como un dos seus principais problemas, dificultades e necesidades, segundo datos recollidos por Retnova nun estudo diagnóstico no marco dun dos proxectos nos que vimos traballando dende hai meses para a Consellería de Política Social e Xuventude.
A nivel autonómico, Galicia conta dende o 2017 cun Plan de Prevención do Suicido deseñado para reducir a taxa de suicidio e establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio, e das súas familias. Ademais, no marco deste, publicouse no 2022 un Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil.
Aínda que a saúde mental está na actualidade no centro da política nacional e autonómica, con especial atención á conduta suicida das persoas máis novas, compre seguir traballando por situar a prevención do suicidio como unha prioridade de saúde pública.
Dende Retnova aportamos o noso gran de area a través da noso traballo relacionado coa discapacidade en xeral e no campo da saúde mental en particular, área na que nos atopamos inmersas dende hai meses tras o inicio dun novo proxecto neste eido para o Concello da Coruña.
O suicidio é unha realidade; previlo a través da educación, a empatía e a visibilización está nas mans de cada unha e cada un de nos.
Compartir en
C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña
www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602
© ReTnova 2021