08/04/25
O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2025-2027, a folla de ruta coa que avanzar na mellora da calidade de vida das mozas e mozos e na súa participación activa no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.
En Retnova estamos moi satisfeitas de ter participado, como parte da asistencia técnica, na elaboración dun plan a través do cal impulsaranse nos próximos anos iniciativas moi diversas en diferentes eidos.
Este novo plan permitirá avanzar na mellora das condicións de vida da xuventude e facer posible o pleno desenvolvemento da poboación moza, que é o presente e o futuro da nosa comunidade autónoma.
O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2025-2027 é o resultado dun complexo proceso de traballo sustentado na colaboración dos diferentes departamentos do Goberno galego, e elaborado a partir dun diagnóstico baseado en enquisas á mocidade e mesas de traballo con distintos axentes do ámbito da xuventude e o tempo libre.
A través de 133 medidas, o novo plan estratéxico vai contribuír á emancipación da mocidade galega, con medidas que fomenten o emprego, o emprendemento e apoios á contratación, así como o acceso á vivenda. Favorecerase tamén a inserción laboral a través da adquisición de competencias, da mobilidade internacional ou programas de educación non formal.
Outro obxectivo central deste instrumento de planificación será procurar o benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación moza, a través da promoción de estilos de vida saudables e de ámbitos sociais e medioambientais adecuados. Ademais, impulsaranse novas iniciativas para fomentar as capacidades creativas e o desenvolvemento do talento das novas xeracións.
Para máis información: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/011579/rueda-anuncia-nuevo-plan-estratexico-xuventude-2025-2027-que-estara-dotado-mas
C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña
www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602
© ReTnova 2025