06/06/24
A violencia que se exerce contra as mulleres, polo simple feito de selo, constitúe un grave ataque contra os dereitos humanos. Desde fai varias décadas, esta problemática superou a esfera privada para converterse nun problema social que as administracións públicas deben abordar poñendo en marcha diferentes medidas. Un exemplo disto é a sensibilización e a formación do seu persoal.
A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes establece que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e os demais órganos de formación do persoal ao servizo da Administración autonómica, convocarán periodicamente actividades formativas sobre a igualdade entre mulleres e homes, a violencia de xénero e a linguaxe administrativa non sexista.
En resposta a este mandato legal a EGAP encomendou a Retnova unha vez máis a titorización de varias edicións do curso “Sensibilización e prevención da violencia de xénero” a través da súa aula virtual.
Esta acción formativa aborda conceptos básicos relacionados coa igualdade entre mulleres e homes e coa violencia de xénero para comprender que é, como se orixina e por que existe na sociedade actual.
Ademais, permite dotar de coñecementos básicos ao alumnado para que sexan quen de identificar e distinguir no contorno máis inmediato, posibles situacións de violencia, fomentando a sensibilización e o espírito crítico arredor da violencia exercida contra as mulleres.
Compartir en
C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña
www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602
© ReTnova 2021