Rematada a formación sobre o marco normativo da discapacidade
27/05/26
Finalizamos a titorización dunha nova edición do curso Marco lexislativo específico e xeral sobre os dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, integrado no Plan de formación da EGAP 2026 e impartido a través da súa aula virtual.
Esta acción formativa permitiu ofrecer unha visión ampla e actualizada do marco normativo que regula os dereitos das persoas con discapacidade e orienta as políticas de inclusión social. O curso abordou tanto a lexislación específica en materia de discapacidade como normas de carácter xeral que teñen impacto directo en ámbitos clave da vida das persoas con discapacidade, como o emprego, a educación, a saúde, o deporte ou a participación social.
Ao longo da formación analizáronse os principais instrumentos normativos autonómicos, estatais e internacionais, así como os retos actuais vinculados á garantía de dereitos, á accesibilidade e á igualdade de oportunidades.
Desde Retnova queremos agradecer á EGAP a confianza depositada na nosa entidade para asumir a titorización desta acción formativa. Do mesmo xeito, queremos recoñecer a participación e implicación do alumnado, que contribuíu a enriquecer o desenvolvemento do curso a través do intercambio de experiencias, de reflexións e de achegas.
Seguimos comprometidas co impulso de accións formativas que favorezan unha administración pública máis preparada para avanzar en inclusión, dereitos e igualdade de oportunidades.
604 078 903
